miércoles, 9 de diciembre de 2009

Nova convocatoria de Folga nas Instalacións Deportivas


UGT, CCOO e CIG denuncian a irresponsabilidade e
intransixencia da patronal que vai deixar sen servizo a máis de
100.000 usuarios en toda Galicia
Os traballadores das instalacións deportivas de toda
Galicia iniciarán un calendario mobilizador o 19 de
decembro que se convertirá en folga indefinida a partir
do 1 de febreiro se non se chega a un acordo antes
O único que demandan os traballadores do sector, despois de
dous anos de conflito, e chegar a cobrar 1.000 euros no 2011
Santiago, 4 de decembro de 2009. UGT, CCOO e CIG veñen de facer público o novo
calendario de mobilizacións nas instalacións deportivas de toda Galicia co fin de
denunciar a intransixencia dunha patronal que, despois de dous anos de conflito, non
é capaz de sentarse a pechar un convenio colectivo de ámbito galego que homologue
as condicións laborais de preto de 3.000 traballadores, dignifique os seus salarios e
garanta unha xornada de traballo que permita conciliar a vida laboral e a persoal. Pola
contra, as patronais do sector abocan aos traballadores a unha folga que deixará sen
servizo a máis de 100.000 usuarios en toda Galicia (150 instalacións).
Concretamente, as xornadas de folga están programadas en tres fases. A primeira comeza o
19 de decembro e ata o día 22, ambos inclusive. A segunda, o 16 de xaneiro e ata o 20,
tamén ambos inclusive. E a terceira sería xa unha folga indefinida a partir do día 1 de
febreiro se non se pecha un acordo antes coa patronal.
Tanto UGT, como CCOO e CIG, destacan o éxito da anterior convocatoria de folga, os días
26, 28 e 30 de novembro, que superou con creces as expectativas dos tres sindicatos,
trancorreu con total normalidade e obtivo un seguimento do 90 por cento dos traballadores. É
evidente, que os traballadores están aí, queren demandar os seus dereitos e están dispostos
a seguir loitando contra a actitude inmobilista e intransixente da patronal.
Os responsables dos tres sindicatos explicaron que, en realidade, as portas da negociación
do convenio de ámbito galego xa se abriron hai meses co inicio dunha mesa de negociación
no Consello Galego de Relacións Laborais, aínda que a patronal amosou unha total desidia e
desprezo, tanto cara os traballadores como cara á propia institución do Consello, porque
paralizou este proceso no mes de maio cunha última xuntanza á que nin sequera mandaron
representantes das patronais do sector, senón a dous avogados.